dous relatos de Amy Hempel por E…E Río

Dous relatos de Amy Hempel

 

::  A seitura  ::

Amy Hempel

Tradución de Estíbaliz Espinosa, abril de 2012

 

O ano en que comecei a pronunciar champagne en vez de champaña, un home ao que acababa de coñecer por pouco me mata nun accidente.

O home saíu ileso cando o outro carro chocou contra nós. O home ao que coñecera había unha semana termou de min na rúa de xeito que eu non fose quen de verme as pernas. Lembro saber que non debía mirar, e saber que miraría se non fose porque non podía.

Había sangue meu na roupa dese home.

Dixo: Ti vas poñer ben, pero estragáchesme o xersei.

Berrei de medo á dor. Mais sentir, non sentía dor ningunha. No hospital, logo das inxeccións, souben que había dor na habitación: e non sabía a quen pertencía esa dor.

Unha das miñas pernas requiríu catrocentos puntos de sutura que converteron en cincocentos á hora de contalo, xa que nada é nunca tan malo como podería ser.

Os cinco días nos que non souberon se a miña perna salvaría ou non, prolongueinos a dez.

______

O avogado foi quen usou esa palabra. Pero non recuncarei niso até dentro dun par de parágrafos.

Charlabamos sobre a aparencia: o importante que é. Decisiva, dixera eu.

Coido que a aparencia é decisiva.

Pero este tipo era avogado. Sentou nunha cadeira de vinilo turquesa onda a miña cama. Ao que el se refería con aparencia era ao que significaría ante un tribunal que eu tivese perdido a miña.

Xuraría que ao avogado moito lle prestaba dicir tribunal. Contoume que se presentara tres veces ao exame final antes de aprobar. Dixo que os seus amigos fixéranlle unhas tarxetas de visita coas letras en releve, moi curriñas, pero que onde esas tarxetas deberían poñer Licenciado en Dereito as súas dicían Licenciado en Desfeita.

El xa me conseguira unha indemnización por falta de ingresos, visto que agora eu xa non podería ser azafata. Que a min o de ser azafata nunca se me tivese pasado pola cabeza resultaba irrelevante, dixo, falando en termos legais.

E hai outra cousiña máis, dixo. Habemos falar do tema da túa matrimoniabilidade.

O normal sería ter preguntado matrimo-qué? Mais eu xa sabía o que quería dicir con iso nada máis oílo.

Eu tiña dezaoito anos. Dixen: E non haberiamos falar primeiro de parellabilidade?

O home dunha semana xa marchara, o accidente conducírao dereitiño de volta canda a súa dona.

Cres que a aparencia é importante?, preguntáralle ao home antes de el marchar.

De boas a primeiras non, dixo.

______

No meu barrio había un tipo que era profesor de química até que unha explosión levoulle por diante a cara e deixoulle o resto. O que queda del viste elegantemente, traxes escuros e zapatos lustrosos. Vai de maletín ao campus. Que gusto, comentaba a súa familia, a xente, ata que a súa muller collleu os nenos e mudouse.

Na solaina unha señora amosoume unha foto. Dixo: Así era o meu fillo.

Pasaba as tardes en Diálise. Non lles importaba, se quedaba unha hamaca libre. Tiñan unha tele en cor, de pantalla ancha, mellor que a de Rehabilitación. Os mércores á noite viamos un programa no que mulleres con roupa cara en decorados de luxo prometían arruinarse as unhas ás outras.

Ao meu carón había un home que falaba só con números de teléfono. Podías preguntarlle que tal estaba e el responderche: 924-3130. Ou se cadra, 757-1366. Intuiamos o que eses números haberían querer dicir, anque a ninguén lle importaba un carallo.

Algunhas veces do outro lado sentaba un rapaz de doce anos. As súas pestabas estaban mestas e negras pola medicación para a tensión arterial. Era o seguinte na lista de transplantes, tan axiña como –a palabra que empregaban era seitura– tan axiña como seiturasen un ril.

A nai do neno rezaba para que os borrachos conducisen.

Eu rezaba por homes que non me refugasen.

Non somos todos, pensaba, a seitura de alguén?

A hora estaba a piques de rematar e unha enfermeira de planta conduciría a miña cadeira de rodas de volta á habitación. Diría ela: Por que estará vendo esta merda? Por que non me preguntará que tal me foi o día?

Antes de me deitar pasaba quince minutos apreixando mancornas de goma. Un dos medicamentos deixábame os dedos tesos. O doutor dixo que mo daría até que non fose quen de abotoarme a blusa: era un dicir, porque eu só vestía batas de algodón.

_____

O avogado dixo: Obras de caridade.

Abríu a súa camisa e amosoume o lugar no que un acupuntor lle untara o peito con xarope de cola, espetara catro agullas e lle dixera que a verdadeira cura eran as obras de caridade.

Dixen: Cura para que?

O avogado dixo: É irrelevante.

_____

Tan axiña como souben que me poñería ben, tiven claro que morrera e non o sabía. Transcurría polos días como unha cabeza fanada que remata unha frase. Non vía a hora de acordar por fin da miña aparente vida.

O accidente acontecera no solpor, así que ese adoitaba ser o momento no que sentía así. Cando ocorreu aquilo, o home que coñecera a semana anterior levábame cear. O lugar estaba na praia, unha praia nunha baía dende a que podes dexergar as luces da cidade no lonxe, un lugar para velo todo sen necesidade de escoitalo.

Logo de moito tempo voltei á praia, soa. Eu conducín o coche. Era o primeiro día bo de praia; levaba postos uns pantalóns curtos.

Na beira do mar desenrolei a venda elástica e avancei cara á escuma. Un mozo co bañador mollado ollou para a miña perna. Preguntoume se mo fixera un tiburón; houbera avistamentos de tiburóns brancos nesa zona da costa.

Dixen: Iso é, si, foi un tiburón.

E volves entrar?, preguntou o mozo

Dixen: E volvo entrar.

______

Omito moito cando digo a verdade. Igual cando escribo unha historia. Vou contar o que omitín na Seitura e se cadra me pregunte por que tal fixen.

Non houbo outro carro. Só un, o que me golpeou cando eu ía de paquete na motocicleta do home. Pero pensa no chafalleiro que queda dicir motocicleta.

O conductor do coche era xornalista. Traballaba no xornal local. Era noviño, recén licenciado e ía de camiño a unha reunión de traballo, a cubrir unha ameaza de folga. Dicir que daquela eu era estudante de xornalismo é algo que ti non aceptarías en A seitura.

Durante os anos seguintes, mantívenme ao tanto da carreira do xornalista. Foi el quen lanzou a nova da secta do Templo do Pobo que desencadenou a fuxida en avión de Jim Jones á Guyana. Entón cubríu o de Jonestown. Na redación do San Francisco Chronicle, mentres o número de vítimas subía a 900, ían poñendo as cantidades como se se tratase dunha maratón da beneficiencia. Aos cento e pico mortos, pegaron un cartaz na parede que dicía: “JUAN CORONA, CHÚPATE ESA”.

En urxencias, o que lle pasou a unha das miñas pernas non requiriu de catrocentos puntos, senón tan só de algo máis de trescentos. Esaxereino mesmo antes de comezar a esaxerar porque abofé: as cousas nunca son tan malas como poderían ser.

O meu avogado non era Licenciado en Desfeita. Era socio nun dos bufetes máis antigos da cidade. Nunca desabotoaría a camisa para me amosar o da acupuntura que, por outra banda, é algo ao que nunca se tería sometido.

Matrimoniabilidade era o título orixinal de A seitura.

A ferida que sufrín na perna foi considerada cosmética malia que aínda hoxe, 15 años despois, non podo axeonllarme. Nun amaño fóra dos tribunais na noite anterior ao xuízo, indemnizáronme con case cen mil dólares. A aseguradora do coche do xornalista incrementou 12’43 dólares ao mes.

Suxeríuseme que frotase a perna con xeo para salientar as cicatrices antes de subirme a saia ante o tribunal, tres anos despois. Pero non había xeo nos xulgados, así que non tiven oportunidade de pasar ou refugar semellante proba moral.

O home de había unha semana, o dono da motocicleta, non estaba casado. Pero se tivese muller, non me convertiría iso en culpable? E non me estaría ben?

Logo do accidente, o home casou. A súa moza era modelo de pasarela. («Ti crees que a aparencia é importante?», pregunteille ao home antes de el marchar. «De boas a primeiras, non», dixo).

Alén de ser unha beleza, a moza valía o seu peso en ouro. Pero, aceptarías iso en A seitura, que a modelo fose por riba unha rica herdeira?

É certo que nos dirixiamos a cear cando aconteceu. Pero o lugar dende o que se pode ver todo sen ter que escoitalo non era unha praia ou unha baía; era o petouto do Monte Tamalpais. Levabamos a cea connosco e enfiabamos cara a sinuosa estrada de montaña. Nesta versión si ten cabida a ironía perfecta, así que non che importará que engada que durante varios meses despois gocei dunha vista espectacular precisamente desa montaña dende a miña cama do hospital.

_____

Tería incluído a seguinte parte na historia se alguén a crese. Pero quen ía facelo? Eu mesma estiven alí e nin mo creo.

O día en que me operaban por terceira vez houbo un intento de fuga no Centro De Adaptación de Máxima Seguridade, contiguo ao Corredor da Morte, na prisón de San Quintín. “O irmán Soidade” George Jackson, un mozo negro de vintenove anos, sacou unha pistola calibre 38 que lle contrabandearan, berrou “Ata aquí cheguei, ho!” e abríu fogo. Jackson morreu; e tamén tres gardas e dous presidiarios que traballaban levándolles o xantar aos demais.

Feriron no pescozo a outros tres gardas. O cárcere está a cinco minutos en coche do Marin General, así que aló trasladaron os axentes. Ata tres tipos distintos de policía os levaron, incluíndo a Patrulla de Estradas de California e os axudantes do sheriff do Condado de Marin, todos armados ata os dentes.

Había policías con rifles no tellado do hospital; outros andaban apostados nos corredores, acenando a doentes e visitantes para que voltasen ás habitacións.

Cando aquel día saín de Reanimación na cadeira de rodas, vendada de van a nocelos, tres oficiais e un sheriff armado cacheáronme.

Nas novas do serán houbo imaxes da liorta. Saíu o meu cirurxián falando cos xornalistas, amosando, cun dedo na gorxa, como lle cosera unha tallada de orella a orella a un dos gardas para salvarlle a vida.

Vino na tele e, como se trataba do meu doutor e como os doentes no hospital andan ensimesmados e como eu estaba drogada, pensei que o cirurxián falaba de min. Crin que dicía: “Bueno, xa finou. Voullo anunciar a ela na súa propia cama.”

O psiquiatra que me examinou a instancias do cirurxián comentou que a sensación era frecuente. Dixo que as vítimas dun trauma aínda sen asimilar a miúdo crían estar mortas sen sabelo.

Os grandes tiburóns brancos nas augas preto da miña casa atacan de unha a sete persoas ao ano. A súa principal presa é o mariscador de orellas de mar ou abalóns. Coa cotización da orella de mar a trinta e cinco dólares a libra, e á alza, o Departamento de Pesca e Deporte non prevé que os ataques de tiburón vaian diminuír.

 

New-Kintsugi-Repair-Kit-Tea-cup-saucer-repaired.png
Cunca rota e reparada con ouro. Kintsugi xaponés

______________________________________

:: O cordeiro orfo ::

 

Amy Hempel

Trad. de Estíbaliz Espinosa

 

Esfolou o cordeiro invernal morto, recolleu o seu sangue nos pantalóns para así seguir termando del, primeiro xirando os pezuños e raxando cada pata, logo arrincando a pel de músculo e óso.

 

Atou o pelexo cun cordel ao corpiño do cordeiro orfo, dese xeito a disgustada ovella nai recoñecería o olor e deixaríao aleitar.

 

Ou tal dixo.

 

Isto era a sedución. Esta era a historia que el me contou, de todas as historias da súa nenez na granxa que podería ter contado; el elixiu a única na que a brutalidade salva unha vida. Quería que eu sentise, cando el encaixaba o seu corpo ao meu, que así era como eu sairía adiante: así era como me recoñecerían.

tumblr_mm6n6eXd4Q1qz6f9yo2_500.jpg

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s